Monday 29 de April de 2024

O Concello da Pobra oferta un curso de monitorado de ocio e tempo libre


A Concellaría do Desenvolvemento Local da Pobra do Caramiñal organiza un curso de monitorado de ocio e tempo libre que constará dun total de 350 horas lectivas, sumando a parte teórica e práctica, na modalidade semipresencial. Tal e como apuntou a edil Amparo Cerecedo (BNG), acompañada pola orientadora laboral do Concello, Blanca Álvarez, trátase “dun curso moi demandado, sobre todo, por xente moza.”

As clases impartiranse nas fins de semana dos meses de maio e xuño e seguiranse as medidas implantadas por mor da COVID-19.

A tarifa xeral é de 220 euros por alumna/o, establecéndose unha bonificación de 50 euros na cota por distintas circunstancias: situación de desemprego, matrícula nunha titulación oficial, posesión do certificado de discapacidade, situación de risco ou exclusión social, e realización do período de prácticas en actividades municipais.

As persoas aspirantes deberán reunir unha serie de requisitos mínimos e as solicitudes de participación presentaranse no rexistro do Concello, tanto físico coma telemático, onde está á disposición o anexo que incorpora unha declaración de responsabilidade do cumprimento dos requisitos de participación. Tamén se deberá achegar unha copia do DNI, do pasaporte ou do documento de identificación equivalente e acreditativo da nacionalidade da persoa aspirante; o título de graduada/o na ESO, graduado/a escolar ou equivalente; o xustificante de pagamento; e a documentación precisa para o acceso a cada unha das bonificacións.

O período para se anotar esténdese dende o día 7 ao 13 de maio, ambos inclusive. As prazas son limitadas e cubriranse pola orde de entrada. A superación deste curso posibilitará acceder á formación de acompañante de transporte escolar e manipulación de alimentos.

Pódese solicitar máis información mediante o teléfono de contacto 981377610.